Decreto 210 de 21 julio de 2000 por el que se regulan las certificaciones profesionales para la extracción de recursos pesqueros con técnicas de buceo.

 

Decreto 210 /2000, do 21 de xullo , polo que se regulan as certificacións profesionais para a extracción de recursos pesqueiros con técnicas de mergullo na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 152/1998, do 15 de maio, polo que se regulan as condicións para o exercicio mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, define as titulacións de mergullo profesional e as súas atribucións, establecendo un itinerario profesional dentro do mergullo desde o seu nivel de iniciación ó mergullo profesional ata o de mergullador instructor, nun todo coherente e progresivo que abarca tódolos aspectos das actividades subacuáticas.

Dentro das titulacións definidas, está a titulación de mergullador en apnea, que se encontra á marxe deste itinerario, tanto polas limitacións á actividade a realizar como por non encadrarse como un peldaño máis nel. A devandita titulación, que se crea para recolle-la actividade recolectora de recursos pesqueiros, non só está aillada do que é o conxunto das titulacións de mergullo profesional, se non que non tén unha saída coherente para aqueles que adicándose única e exclusivamente á extracción de recursos pesqueiros non lles é suficiente a técnica do mergullo en apnea.

Esta situación e a experiencia acumulada ata a data na formación de mergulladores, aconsellan separar claramente ámbolos dous mundos, o do mergullo profesional e o da extracción de recursos pesqueiros con técnicas de mergullo, para mante-la coherencia, a eficacia e a economía de medios na formación dos profesionais de ámbalas dúas áreas, sempre no respeto á seguridade na realización da actividade que lle é propia.

Polo tanto é necesario proceder á regulación por separado dos títulos habilitantes para a recolección de recursos pesqueiros con técnicas de mergullo, o que supón a creación de dúas Certificacións profesionais, unha que recolle a xa regulada no citado decreto, de mergullador en apnea e outra de nova creación, que permite clarificar e diferenciar o que é o mergullo profesional do que é a extracción de recursos pesqueiros con técnicas de mergullo e adapta-la formación destes últimos a procesos de pesca responsable tan necesarios para a conservación dos recursos explotados con estas técnicas, algúns deles en situación de risco.


Esta separación de ámbitos de actuación, non é obstáculo para que os criterios de seguridade que orientaban a redacción do Decreto 152/1998 se manteñan en ámbolos dous campos e que se incorpore ó da extracción de recursos as orientacións do Código de conducta para a pesca responsable, polo que no novo decreto se inclúe un mandato explícito de incorporar á formación das novas certificacións os ditos principios.

Polo exposto, a proposta do conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e despois de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteún de xullo de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º.- Da Certificación profesional.-

Para a realización de actividades subacuáticas en augas mariñas do ámbito territorial de Galicia, coa exclusiva finalidade de recolectar ou extraer recursos pesqueiros no marco dun Plan de explotación aprobado, será necesario que as persoas que as efectúen se encontren en posesión da Certificación profesional adecuada á técnica de mergullo que utilice e ó nivel de exposición hiperbárica que poida realizar.

Artigo 2º.- Das clases de Certificacións profesionais.-

As Certificacións profesionais para a recolección ou extracción de recursos pesqueiros en Galicia con técnicas de mergullo, son:

- Recolector en apnea: esta Certificación profesional capacita para efectuar inmersións en apnea ata unha profundidade de 10 metros coa finalidade de extraer recursos pesqueiros no marco dun plan de explotación aprobado.

- Recolector submarino: esta Certificación profesional capacita para efectua-la recolección de recursos pesqueiros autorizados dentro dun plan de explotación mediante técnicas de mergullo con aire comprimido con equipo a demanda de circuito aberto con suministro desde a superficie, ata unha profundidade máxima de 12 metros, con tempos no fondo que non requiran a realización de paradas de descompresión, segundo o establecido na Táboa III da Resolución do 20 de xaneiro de 1999 da Dirección Xeral da Marina Mercante ou sucesivas actualizacións da mesma.



Artigo 3º.- Das condicións e requisitos para a obtención das Certificacións profesionais.-

As condicións e requisitos para poder obte-las Certificacións profesionais reguladas no artigo 2 son:

1.- Ter cumpridos os dezaoito anos de idade. A de recolector en apnea poderase obter con 16 anos cumpridos e autorización paterna ou do titor legal.
2.- Supera-lo exame médico de aptitude para o mergullo profesional.
3.- Supera-las probas físicas que se establezan.
4.- Supera-lo curso de formación e as súas probas correspondentes.
5.- Para a de recolector submarino, supera-lo test de compresión e tolerancia hiperbárica.

A Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, establecerá os niveis esixibles de cumprimento para cada un dos requisitos.

Disposicións adicionais

Primeira.- Nos programas formativos e no desenvolvemento posterior dos seus contidos, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura incorporará as orientacións do Código de Conducta para unha pesca responsable da FAO e das Normas de seguridade para o exercicio das actividades subacuáticas hiperbáricas do Ministerio de Fomento do 14 de novembro de 1997.

Segunda.- Calquera persoa en posesión das Certificacións a que se refire o artigo 2º ou dunha titulación de mergullo profesional poderá realiza-la extracción de recursos pesqueiros con técnicas de mergullo, sempre que se atope enrolada nunha embarcación que reúna as seguintes condicións:

a) Estar en posesión de permiso de explotación para algunha ou algunhas das especies citadas a continuación: ourizo, peneira, navalla, longueirón, poliquetos e algas.
b) Estar incluída nun plan de explotación para a especie correspondente, segundo o permex.



Terceira.- Modifícase o apartado 6.1 do anexo I do Decreto 428/1993, do 17 de febreiro, polo que se regula e refunde a normativa en materia de formación náutico pesqueira, que queda como segue:

6.1. -Titulacións de mergullo profesional:
6.1.1.- Iniciación ó mergullo profesional.
6.1.2.- Mergullador profesional de 2ª clase restrinxido.
6.1.3.- Mergullador profesional de 2ª clase.
6.1.4.- Mergullador profesional de 1ª clase.
6.1.5.- Mergullador instructor profesional.
6.1.6.- Escafandrista de pequena profundidade .
6.1.7.- Escafandrista de grande profundidade.
6.1.8.- Escafandrista instructor.
6.1.9.- Operador de cámaras.
6.1.10.- Técnico en Mergullo de Media Profundidade.

Cuarta.- Modifícase o artigo 6.1 do Decreto 152/1998, do 15 de maio, que queda como segue: "1. Ter cumprido dezaoito anos de idade. O de iniciación ó mergullo profesional poderá obterse cumpridos os 16 anos, con autorización paterna".

Quinta.- O Decreto 152/1998 será de aplicación supletoria en todo aquello no regulamentado expresamente no presente decreto e normas que se dicten no seu desarrollo.

Disposición transitoria

A Certificación de Recolector en apnea substitúe a tódolos efectos á titulación de Buceador en apnea, canxeándose de oficio a mesma, mantendo o titular a antigüidade na mesma e os dereitos que poidan corresponderlle.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o apartado A do artigo 3 do Decreto 152/1998, do 15 de maio, polo que se establecen as condicións para o exercicio do mergullo profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.



Disposicións derradeiras

Primeira.- Este decreto entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Segunda.- Facúltase á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente Decreto.

Santiago de Compostela, vinteún de xullo de dous mil.




Manuel Fraga Iribarne
Presidente



Amancio Landín Jaraiz
Conselleiro de Pesca,
Marisqueo e Acuicultura

____________________________________________